Outubro 07, 2009 / Marcadores:

Publicado o acordo marco do Banco Pastor

Xa está a disposición dos afiliados e afiliadas da CIG no Banco Pasto e do persoal da entidade en xeral, a publicación do "II Acordo marco de beneficios sociais e de melloras na conciliación da vida persoal e profesional no Banco Pastor.

Este acordo, que foi asinado pola CIG, recolle entre outras novidades as condicións para operacións e servizos bancarios para o persoal, a adaptación e melloramento das leis de igoaldade e de protección ás vítimas de violencia de xénero, así como o incremento doutros beneficios sociais regulados no I Acordo asinado no ano 2006.

comentários (0) / Read More

Setembro 18, 2009 /

Costosas contrapartidas por pechar os sábados no Santander

Por un acordo asinado por CCOO e UGT e rexeitado pola CIG, o Banco pechará as oficinas os sábados (aforrando custes), mantendo a xornada laboral en cómputo anual, incrementando o persoal media hora a xornada diaria de luns a venres, creando unha bolsa de horas a favor da empresa e conseguindo que un 80% do persoal teña horario flexible.

No Banco Santander, que tivo uns beneficios no ano 2008 de 8.876 millónsde euros (billón e medio das antigas pesetas), 8 de cada 10 traballadores/as recoñecen realizar horas extras diariamente. Horas que o Banco non paga nin cotiza á Seguridade Social. Un comportamento fraudulento e antisocial que é máis grave nun momento de crise como o actual.

Esta extensión ilegal da xornada, a partir de agora, será de difícil denuncia no Banco Santander, despois de que CCOO e UGT chega sen a un acordo coa empresa polo que o 80% do persoal terá flexibilidade horaria. Para este persoal o Banco poderá establecer os horarios que queira o que dificultará aínda máis o control horario.

Coa actual crise económica e financeira as Entidades buscan reducir custes, polo que moitos bancos amosaron o seu interese no peche dos sábados. A rendibilidade da apertura en fin de semana é máis que cuestionable,motivo polo que as Caixas de Aforros decidiron pechar os sábados hai anos. Segundo CCOO e UGT unha Entidade pode aforrar ata 6.000 euros ao ano por cada oficina pechada os sábados.

Poroutra banda, a libranza dos sábados é unha vella reivindicación sindical no sector na que se conseguiran importantes avances: na maior parte dos bancos o persoal libraba sábados por quendas en base a acordos de empresa, agás no Grupo Santander no que non existía ningún acordo ao respecto. En xeral esta Entidade está a cola en condicións laborais; como lembran dende a CIG, o Grupo Santander incluso mantén internos os Fondos de Pensións do persoal, cando o resto de Entidades xa negociou á exteriorización dos mesmos.

Con este panorama o Banco Santander abriu unha "negociación" na empresa co fin de tirar partido da libranza dos sábados, medida quede por si supón un aforro para a empresa. Proceso que culminou coa sinaturadun pre-acordo por parte do Banco e os sindicatos CCOO, UGT e FITC,acordo rexeitado pola CIG.

O Banco pechará as oficinas os sábados, mantendo a xornada laboral en cómputo anual, incrementando o persoal a xornada media hora diariade luns a venres, creando unha bolsa de horas a favor da empresa e conseguindo flexibilidade horaria absoluta para o 80% do persoal.

A cesión de CCOO e UGT ante o maior Banco do Estado español xera incerteza na maior parte do sector financeiro, onde a libranza dos sábados avanzou sen contrapartidas tan custosas dende un punto de vista laboral e dado que é a primeira empresa que consigue flexibilidade horaria para a maioría do persoal.

comentários (0) / Read More

Setembro 16, 2009 /

Convocada folga na empresa de telemárketing Bosch

A perda da campaña de Vodafone HD Residencial por parte de Bosch Comunication Center (campaña que pasou para Unísono CRM) saldouse coa maioría do persoal na rúa, malia que o Convenio Colectivo establece nestes casos a recolocación dun 90% do persoal.

Unha vez mais a multinacional xermana utiliza a escandalosa contratación por ETT (700 persoas a 31 de agosto) para incumprir o Convenio, alegando que este persoas non está dentro da cobertura do mesmo.

Por outra parte as ETT anunciaron aos traballadores e traballadoras contratados para a campaña UP&CROSS que había un fín de campaña, requerida información a Bosch informaron verbalmente e sen documentar que os despedimentos eran debidos a unha "baixada do volume de chamadas".

Pero a situación destes departamentos non é un caso illado, na maior parte das campañas Bosch levou adiante suspensións de contratos e reduccións das xornadas contratadas.

Ante esta situación a CIG xa anunciou unha convocatoria de Folga na empresa, que xa ten data concreta, en defensa dos postos de traballo.

comentários (0) / Read More

/

A CIG entra como primeira forza en Universal Support de telemarketing

A CIG vén de converterse en primeira forza sindical na empresa de telemarketing “Universal Support”, logo do resultado das eleccións celebradas o luns 14 de setembro. A candidatura da central, que se presentaba por primeira vez nesta subcontrata do Grupo Banco Pastor, obtivo 4 representantes fronte aos 3 da UGT e 2 de CCOO.

No proceso electoral participaron 164 persoas, a candidatura da CIG recibiu 69 votos (o 42%), UGT 60 votos, CCOO 2 votos, houbo tamén 2 votos en branco e 1 nulo.

Até este proceso electoral UGT tiña as 9 delegadas do Comité de Empresa, pero estas eleccións marcadas pola pluralidade déronlle unha reviravolta á situación e a CIG situouse como primeira forza na empresa.

comentários (0) / Read More

Setembro 11, 2009 /

O parlamento galego dá un paso na defensa das Caixas

O Parlamento Galego aprobou unha Proposición non de Lei presentada polo BNG para que a Xunta de Galicia proceda a recorrer o Real Decreto 9/2009 do Goberno Central sobre reestruturación bancaria, por invadir as competencias exclusivas establecidas no Estatuto de Autonomía de Galicia sobre as Caixas de Aforros. Esta proposición non de Lei foi aprobada no Parlamento Galego co apoio do grupo popular e a abstención do grupo socialista.

Dende a CIG entendemos que a aprobación desta Proposición non de Lei é moi positiva xa que é un paso firme para a defensa irrenunciable do carácter galego de Caixa Galicia e Caixanova fronte a intentos de absorción por parte de Entidades doutras comunidades autónomas.

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece as Caixas de Aforros como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, competencia vulnerada polo decreto de creación FROB aprobado no seu día polo Goberno Central e que recibiu o apoio do PP e do PSOE na súa tramitación no Parlamento español.

Sindicalmente dende a CIG mantivemos en solitario unha posición claramente contraria a aprobación do FROB, por varios motivos:

* En primeiro lugar porque o FROB puxo en marcha unha reconversión por decreto con graves repercusións laborais e sen ter en conta aos representantes legais e lexítimos dos traballadores e traballadoras. Unha reconversión que afectará ao 30% dos postos de traballo no sector financeiro.
* Denunciabamos que se trata dunha nacionalización parcial e temporal do sistema financeiro, socializando as perdas en tempos de crise, privatizando posteriormente os beneficios en tempos de bonanza. Unha reconversión cara, cun custe de 2.600 euros por habitante do Estado.
* Por último, o decreto asigna ao Banco de España, organismo responsable do sector financeiro que agora debe ser rescatado, competencias absolutistas en materia de fusións e desguace de Entidades. O organismo presidido polo ultraliberal Fernández Ordóñez poderá incluso liquidar Entidades, traspasando depósitos e activos a outras Entidades ou ao FROB, sen que o decreto faga mención ás consecuencias sobre o emprego.

O FROB contempla unha reconversión con inxentes recursos públicos, pero sen tomar medidas concretas para evitar unha nova crise e sen esixir responsabilidades aos actuais xestores.

En todo caso a aprobación da Proposición non de Lei por parte do Parlamento Galego é un dos pasos adiante que viñamos reclamando, pero é precisa a aprobación dunha nova Lei Galega de Caixas de Aforros que blinde a galeguidade de Caixa Galicia e Caixanova e que defina un novo modelo de xestión destas Entidades dende unha óptica de país, máis social e laboralmente sustentable.

comentários (0) / Read More

Agosto 06, 2009 / Marcadores:

Denuncian que CCOO coñecía a posible fusión antes do 20 de xullo

CCOO-Caixa Galicia mantivo unha posición favorable á fusión interterritorios que poideran afectar ás Caixas Galegas ata que a presión do persoal obrigoulles a cambiar a linguaxe (non a posición). Por outra banda ese sindicato mantivo contactos con Caja Madrid para falar da fusión con anterioridade ao 20 de xullo, tal e como recoñeceron o día 4 de agosto na súa web madrileña.

CCOO pide agora silencio e o cese das "especulacións", como se tal fusión fora un invento, nada máis lonxe da realidade. Tratan de evitar un debate social claramente contrario a súa posición e evitar que se saiba o seu papel na posible absorción.

O responsable de comunicación de CCOO en Madrid, Francisco Naranjo, recoñeceu ante a axencia EFE que Conselleiros de Persoal de CCOO en Caja Madrid mantiveran contactos con esa entidade para falar da fusión, malia que non foi unha reunión oficial. Declarou que os contactos foron anteriores á Asemblea Xeral de Caja Madrid, celebrada o 20 de xullo.

Din tamén que non houbo un gran debate interno respecto da fusión e que “a ven con bos ollos”. E que apoiarán calquera fusión “positiva para Caja Madrid y los madrileños”.A noticia vén recollida en varios xornais e tamén na páxina web de CCOO en Madrid.

Podes ver a nova aquí

comentários (0) / Read More

Agosto 04, 2009 / Marcadores:

Novo número do boletín da Sección Sindical de Eurocen

A Sección Sindical da CIG en Eurocen publicou un novo número do seu boletín informativo para o persoal desta subcontrata de telemárketing con sede na Coruña, que xa está sendo repartido en papel. Entre outras cuestións informa do conflito aberto no mes de marzo cando a empresa anunciou o despedimento de centos de persoas. Podes consultalo aquí.

comentários (0) / Read More